Hoxe en Trebellos : Tódalas novas dos trebellos máis interesantes do mercado

Trebellos busca editores

Despois dun longo tempo sen publicar, Trebellos quere voltar á carga, retomando a actividade de escribir novas sobre gadgets en galego.

Porén, buscamos editores para Trebellos, xente xove disposta a meterse nun proxecto novidoso na rede en galego, para escribir novas pola semana sobre trebellos en galego.

¿Con ganas? Escríbenos a contacto@trebellos.org contándonos o teu nome, o teu blogue e escribindo unha entrada a modo de exemplo como se estiveses no blogue. Graciñas!


Apple renova o iPhone e o iPod Touch

iPhone, iPod nano rosa e iPod Touch

Mentres que aquí agardamos a que o iPhone se anuncie dentro duns días, supostamente da man de Movistar e en Barcelona, Apple vén de anunciar a saída ao mercado dunha nova versión con 16GB, dispoñible xunto á de 8GB nos países que xa dispoñen de iPhone.
Dende hai uns días xa se especulaba na rede sobre a existencia dun iPhone destas características, e mesmo chegaron a aparecer imaxes mostrando a capacidade de almacenamento. O novo modelo está á venda a un prezo de 499 dólares nos Estados Unidos.

Por outra banda, o iPod Touch tamén se actualiza. Agora tamén está dispoñible un modelo que ten 32GB de almacenamento, o dobre da súa capacidade máxima anterior. O seu prezo é de 449 euros.

E por último, sinalar a dispoñibilidade do iPod nano en cor rosa, que se ben xa hai uns días que se anunciou, aínda non vos falaramos del en Trebellos. O seu prezo, ao ter 8GB, é de 189 euros.

Apple reforza a súa gama de produtos de cara ao San Valentín. Tedes xa os agasallos mercados?

Vía | Applesfera


Apple TV, con novas funcións

Apple TV

Outro dos produtos presentados hoxe foi o redeseño do Apple TV, que aínda que non se modifica o seu hardware, sufriu unha serie de modificacións na súa interface, motivadas polas novas estratexias da compañía.

Con motivo do anuncio da posibilidade de alugar películas na iTunes Store, Apple introduce a posibilidade de mercar e alugar películas directamente dende o Apple TV, así como de descargar directamente os podcasts do seu directorio. Á posibilidade de ver videos de YouTube, que xa tiña integrada, únenselle novas funcións de visor multimedia, xa que se permite visualizar directamente galerías de flickr e .mac. Todo isto integrado nunha interface mellorada visualmente respecto á versión anterior.

Non é un novo modelo, e polo tanto haberá unha actualización de software que estará dispoñible tamén para os usuarios dun Apple TV anterior de forma gratuíta. Os que se vendan a partir de agora xa traerán o software de serie.

Dispoñible en dúas capacidades, 40GB a 289€ e 160GB a 379€.

Máis información: Apple TV


Novo Macbook Air, o ultraportábel de Apple

Macbook Air

E ao fin chegou o tan rumoreado ultraportábel de Apple, o novo Macbook Air, que resulta ser o portátil máis fino do mundo. As características:

  • Pantalla panorámica de 13.3 pulgadas de LEDS.
  • Tegrado retroiluminado e QWERTY completo.
  • Webcam iSight integrada.
  • Trackpad multitáctil co que facer xestos para controlar aplicacións, ao igual que no iPhone ou iPod Touch.
  • Procesadores Intel Core 2 Duo a 1.6 e RAM de 2Gb. Hai posibilidade de procesador a 1.8Ghz.
  • Disco duro de 1.8 pulgadas con capacidade de 80Gb. Hai posibilidade de disco SSD de 64Gb.
  • 1 porto USB, non ten saída Ethernet, saída DVI, Wifi 802.11n e Bluetooth 2.1
  • Non ten unidade de CD e DVD, véndese externa opcionalmente por 99 dólares.
  • Todo isto, por 1799 dólares de partida, uns 1200 euros se o traemos de USA ou 1799 euros se o mercamos eiquí…

Páxina Oficial | Macbook Air


Time Capsule, copias de seguridade inarámicas

Time Capsule

Como anunciabamos en Trebellos, hoxe tivo lugar unha nova Keynote de Apple, onde se presentaron novos produtos e actualizacións dalgúns xa existentes.

Un dos novos trebellos anunciados foi a Time Capsule, unha unidade de almacenamento que garda no seu disco duro interno copias de seguridade dun mac. Grazas ao seu disco duro, que pode ser de 500GB ou 1TB e a compatibilidade co servizo de copias de seguridade Time Machine, integrado na última versión do sistema operativo da comapañía, asegúrase ter sempre unha copia de tódolos arquivos gardados no disco duro do ordenador con tan só un clic.

A Time Capsule tamén pode funcionar como estación inarámica, dando servizo a tódolos trebellos inarámicos e mesmo aos ordenadores con Windows, grazas á tecnoloxía 802.11n. A incorporación dun porto USB tamén lle permite funcionar como central para unha impresora en rede.

Estará dispoñible en febreiro a 289€ a versión de 500GB e a 489€ a versión de 1TB.

Máis información: Time Capsule


O Mac Pro máis caro

Agardando a que chegue a MacWorld 2008 onde Apple nos amosará un novo trebello ou ordenador revolucionario podemos xogar coa Apple Store, do mesmo xeito que fixeron os microsiervos.

Imos calcular o ordenador máis caro que podemos mercar na Apple Store española:

Mac Pro

  • 2 Quad-Core (8 núcleos en total) Intel Xeon de 3,2 GHz cada un
  • 32 GB de memoria RAM
  • 2 pantallas planas de 30 polgadas Apple Cinema HD Display
  • NVIDIA Quadro FX 5600 1,5 GB GDDR3
  • 2 discos duros de 1 TB (2 TB en total) a 7.200 rpm Serial ATA 3 Gb/s
  • 2 discos duros 300 GB (600 GB en total) a 15.000 rpm SAS 3 Gb/s
  • 2 unidades CD/DVD SuperDrive 16x
  • Tarxeta Wi-Fi: AirPort Extreme Card
  • Apple USB Modem
  • Tarxeta Quad Channel 4 GB Fibre Channel PCI Express
  • Tarxeta Mac Pro RAID
  • 2 portos FireWire 400
  • 2 portos FireWire 800
  • 5 portos USB 2.0
  • Tecrado sen fíos Apple
  • Rato sen fíos Mighty Mouse
  • AppleCare Protection Plan para Mac Pro

Todo isto por 22.222 eurazos (IVE incluido). Só apto para os geek maqueiros que lles tocou a lotaría no sorteo de nadal.

Visto en Microsiervos.
Máis información: Apple Store España.


Primeira foto do suposto novo Macbook

Novo Macbook

O vindeiro 15 de Xaneiro a xente de Apple farán unha nova Keynote onde presentarán novos productos, e un deles é un novo portátil ultraportable que podería revolucionar o que hoxe coñecemos como ordenador portátil.

E como é frecuente antes destas presentacións, surxen imaxes a miúdo falsas de cómo será o producto presentado, neste caso o novo portátil. Entre as posíbeis prestacións se di que non terá gravadora nen lectora de CD ou DVD senón que será externa, que o disco duro tradicional se sustituirá por unha memoria e que a pantalla se reduce ata unhas 12 pulgadas, unha autentica delicia para os que gostamos de levar o noso portátil alá onde sexa.

Ata o día 15 de Xaneiro non queda outra que agardar, mais non dubides que o día 15 en canto se vaian presentando novos productos en Trebellos seremos os primeiros en comentalo.


Rumor: R co iPhone

iphoneA Trebellos chegáronnos informacións de que R andivo en conversas con Apple para tentar ter o iPhone entre os seus clientes.

O día dos inocentes xa pasou e a fonte de onde obtivemos este rumor pode ser considerada como bastante fiábel. De feito Apple podería ter enviado algúns terminais de proba a técnicos de R para que probasen as súas capacidades dentro da rede da operadora galega.

Por razóns obvias non temos fotos que testifiquen o evento, mais que unha operadora como R consiga entablar conversas con Apple, ao menos para min é un orgullo e unha demostración do ben que están a facer as cousas dende a dirección da cableira galega.

¿Haberá iPhone con R? Como é de agardar, hai moitas operadoras interesadas, mais o feito de que o iPhone se distribúa cun operador en exclusividade e ao non ter R cobertura propia no territorio español maxino que bota para atrás esta posibilidade… mais quen sabe.


Wi-Fi Detector Watch, o reloxo dos geeks

Wifi detectorSe es dos que sempre vai co portátil (ou agora xa, teléfono móbil) buscando conexións wifis sen protección este é o teu trebello. O Wi-Fi Detector Watch ademáis de ser un reloxo que dá a hora, ten cronómetro, calendario e alarmas tamén é capaz de detectar as redes wifi. Ademáis amosa o nivel de intensidade do sinal.

Xa non haberá que acender o portátil para buscar redes wifis, con pulsar un botón no noso reloxo xa basta. Se precisas con urxencia dun ponto de acceso wifi sen contrasinal e sen ningunha medida de seguridade para poder ler o correo electrónico que agardabas ou enviar un importante e-mail, con este reloxo non terás que gastar batería acendendoo e buscando redes por aqui e por acolá. Pulsas un botón e ves todas as redes wifi… moveste un pouco e volves a pulsar. Así ata que atopas unha rede wifi libre e acendes o portátil.

Este pode ser o teu agasallo de nadal por algo máis de 20 euros.

Visto en Gadgetizer.
Máis información: ThinkGeek.


Haberá nova versión dos SO Symbian

SymbianSeica pronto teremos unha nova versión do sistema operativo máis famoso para os móbiles, o Symbian. Será a Symbian S60 3rd Edition Feature Pack 2 para os móbiles Nokia, e segundo os rumores sairá en xuño do 2008.

Entre as novidades podemos atopar novos efectos (visuais) e transicións ao abrir, pechar e cambiar de aplicacións, novas opcións de configuración como poder pór unha imaxe a pantalla completa cada vez que nos chaman ou pór varias imaxes de fondo de pantalla que se cambiaran secuencialmente. Tamén mellorarán a usabilidade podendo ter un móbil multi-tarea (varias aplicacións abertas á vez), na guía poderemos ver os contactos do teléfono e da tarxeta SIM coas mesmas opcións, e ademáis se escribiumos un SMS e engadimos un contido multimedia pasará automáticamente a ser MMS.

Tamén seica optimizaron parte do código para gañar maior rendemento.

A ver se por fin o que seguramente sexa o mellor sistema operativo para móbiles é rápido, xa que o único que falla nos móbiles Symbian é a súa velocidade.

Visto en Xátaka Móvil.
Máis información: S60.


Posteriores entradas »