Cres que o CD de música é un formato caduco? Disney quere convencerche do contrario
A compañía do rato Mickey parece disposta a resucitar a un formato moribundo, que non deixa de caer en picado fronte as descargas da rede (de balde ou de pago). E faino… ¿innovando? Pois non está claro.
Acaban de presentar a través dunha das súas firmas discográficas, Hollywood Records, un novo formato de CD con “extras” multimedia, ó que bautizaron como CDVU+.
¿E que clase de extras trae o CDVU+ para que definitivamente deixemos de lado as descargas? ¿Máis calidade de son? ¿Menor prezo? Que sei eu… ¿saídas para cinco altofalantes?
Non! Revistas multimedia, letras de cancións, fotos, ligazóns a páxinas web… en fin, moi innovador non semella, a verdade… Iso si, o envase pasará a ser reciclable, en lugar das tradicionais caixas plásticas. Imaxino que algo semellante ós CD de Ubuntu.
Con innovacións coma estas, dende logo están moi lonxe de frear a caída dun formato que perde importancia cada día.
Por certo, reitero ó da saída 5.1 nos formatos musicais. Iso si sería un golpe de efecto.
